Ir al contenido principal

Ero de Armenteira: o santo durminte do Salnés


DEBUXO DO AUTOR

añá, luns de Pascua, Armenteira volverá converterse nun dos grandes centros de devoción popular do Salnés coa celebración da Romaría de Nosa Señora das Cabezas, unha cita tradicional que cada ano reúne numerosos fieis arredor do mosteiro e mantén vivo un fondo vencello entre a fe, a memoria e a tradición popular. Esta celebración, que ten lugar precisamente no luns de Pascua, combina os actos relixiosos coa dimensión festiva e comunitaria, converténdose nunha data moi sinalada para os veciños da parroquia e da contorna. 

Aproveitando esta xornada tan importante, hoxe imos achegarnos á figura de San Ero de Armenteira, fundador do mosteiro e protagonista dunha das lendas máis fermosas da nosa tradición. A súa historia, inmortalizada pola literatura medieval, sitúao entre a realidade histórica e o mito, e converte Armenteira nun lugar no que a espiritualidade, a memoria e a cultura galega seguen a camiñar da man.

Talla de San Ero no mosteiro de
Armenteira
A figura de Ero de Armenteira (tamén coñecido como Ero de Armentáriz) constitúe un dos piares fundamentais da memoria medieval de Galicia, especialmente na comarca do Salnés. Trátase dun personaxe onde se funden a biografía dun nobre do século XII coa mitoloxía dun "santo durmiente", inmortalizado pola literatura alfonsina e a tradición oral, sobre todo a tradición oral.

San Ero naceu na comarca do Salnés a principios do século XII. Segundo as fontes históricas e as crónicas, foi un nobre rico e piadoso, cabaleiro influente que estivo vinculado á corte do rei Alfonso VII. A pesar da súa posición social e o seu matrimonio, Ero e a súa esposa sufrían pola falta de descendencia, o que os levou a pedir con fervor a intercesión divina para obter un herdeiro.

A historiografía moderna, a través de estudos levados a cabo por medievalistas notables, precisa que San Ero non debe ser confundido con outro personaxe contemporáneo, Ero Armentáriz, que foi maiordomo de Alfonso VII, debendo ser tratados como dous suxeitos independentes.

A orixe do mosteiro de Santa María de Armenteira está ligada a unha visión mística compartida por Ero e a súa esposa. Segundo a lenda, ambos tiveron o mesmo soño unha noite no que a Virxe María lles comunicaba que terían unha "descendencia espiritual" moito máis importante que a terrenal. Seguindo este mandato, decidiron transformar un dos seus pazos nun mosteiro.




Algunhas fotos do mosteiro de Armenteira

En 1151, Ero solicitou monxes cistercienses a San Bernardo de Claraval, quen enviou catro relixiosos para iniciar a vida comunitaria. Ero tomou os votos e foi nomeado o primeiro abade do cenobio, cargo que exerceu durante 26 anos, pasando da observancia beneditina orixinal á cisterciense.

Baixo o abadato de Ero e os seus sucesores, Armenteira converteuse nunha potencia territorial no Salnés. O seu patrimonio configurouse principalmente entre os anos 1151 e 1250, baseándose nunha cadea de doazóns reais (que representaban case o 80% do total ata 1165) e compras a particulares e nobres. As súas posesións estendíanse polas penínsulas do Salnés (abarcando parroquias como Meis, Meaño, Cambados, Sanxenxo e Vilanova de Arousa) e o Morrazo.

Para xestionar este vasto dominio, o mosteiro organizouse de forma centralizada a través de cinco prioratos:

  1. Barcia de Seixo.
  2. Rande (en San Vicente de Trasmañó, Redondela).
  3. Serantellas (na parroquia de Santa Cruz de Castrelo, Cambados).
  4. Raxó.
  5. Arra.

Estes centros non só recadaban rendas —pagadas maioritariamente en cereais como o centeo, o millo e o trigo—, senón que tamén actuaban como núcleos de comercialización e centros de influencia espiritual e social nas súas respectivas parroquias.

A Lenda do Paxariño: O Éxtase de Tres Séculos

Relevo do milagre de San Ero na entrada do mosteiro

O episodio máis célebre de San Ero é o recollido polo rei Alfonso X o Sabio na Cantiga 103 das Cantigas de Santa María. Conta a lenda que o abade Ero tiña o desexo profundo de coñecer como era o Paraíso antes de morrer.

Un día, mentres paseaba polos bosques do monte Castrove, preto do mosteiro, o abade atopou un lugar de paz absoluta xunto a un regato e sentou a orar baixo unha gran árbore. Nese momento, un paxariño (identificado como un merlo en moitas versións) comezou a cantar de forma tan harmoniosa que Ero entrou nun estado de éxtase profundo, perdendo a noción do tempo.

Ao rematar o canto e regresar ao mosteiro, atopouse cun edificio que non recoñecía, con pedras que perderan o seu cor e un gran pórtico novo. Os monxes que vivían alí mirárono con recelo ata que o monxe máis ancián consultou os libros antigos e leu que San Ero de Armenteira, home noble e devoto, foi fundador e abade deste mosteiro desapareceu no monte Castrove fai uns tres séculos e que nunca se soubo nada máis del

Ao comprender que o seu breve momento de meditación durara en realidade trescentos anos, Ero morreu instantaneamente aos pés dos monxes. A data tradicional do seu falecemento sitúase o 30 de agosto de 1176.

Eiquí deixo a cantiga completa:

Cantiga 103: O Milagre de San Ero e o Paxariño

Refrán: Quen á Virxe ben servirá / ao Paraíso irá.

O Relato do Milagre:

Sobre este feito quero contarvos un gran milagre que Santa María fixo por un monxe (o abade Ero), que sempre lle rogaba con gran devoción que lle amosase en vida, antes de morrer, os bens que hai no Paraíso.

Un día, mentres o monxe camiñaba polos bosques do monte Castrove, próximo ao mosteiro por el fundado, entrou nunha horta onde atopou unha fonte de auga clara baixo a sombra dun frondoso árbore. Alí sentou a reposar e pechou os ollos pedindo novamente á Virxe: «¡Oh, Virxe! ¿Qué será o Paraíso? ¿Non podería velo antes de saír de aquí?».

Nese intre, comezou a cantar un pequeno paxariño (un merlo ou un gorrión segundo a versión) cunha melodía tan doce e harmoniosa que o ancián monxe quedou abraiado e absorto, esquecendo por completo o paso do tempo mentres escoitaba sentado sobre a herba. Sen que el o percibise, pasaron trescentos anos, aínda que a el lle pareceu un instante moi curto.

Cando o paxaro deixou de cantar e voou, Ero levantouse e regresou ao mosteiro. Ao chegar, atopouse cun edificio que non recoñecía, con pedras vellas e un gran portalón novo. Asombrado, exclamou: «¡Válgame Santa María! Este mosteiro non é o meu, ¿qué será de min?».

Entrou na igrexa e os monxes que alí estaban asustáronse ao velo, pois as súas roupas e aspecto eran doutro tempo. O prior preguntoulle quen era, e Ero respondeu: «Busco ao meu abade, ao prior e aos freires que deixei hai un intre cando fun á horta; ¿quen pode dicirme onde están?».

Os monxes, desconcertados, consultaron os libros antigos do cenobio e atoparon a seguinte anotación: San Ero de Armenteira, home noble e devoto, foi fundador e abade deste mosteiro. Desapareceu no monte Castrove fai uns tres séculos. Nunca se soubo nada máis del

Ao comprender Ero que o seu desexo de coñecer o Paraíso se cumprira a través daquel éxtase musical, morreu instantaneamente aos pés dos monxes. Todos os presentes, chorando de alegría e conmovidos por tan gran marabilla, loaron a Santa María e ao seu fillo.

Legado Histórico e Cultural

Pouco despois, as comunidades do Císter incorporaron ao seu calendario litúrxico unha festa adicada a San Ero, que –como hoxe en día– se celebraba o 30 de agosto.

Porén, esta tradición foi desaparecendo a partir da Desamortización de Mendizábal, en 1836. Coa expulsión dos monxes, deixouse de festexar o día de San Ero. A partir deses feitos tan convulsos tamén se lle perderon a pista aos restos mortais do santo, que estaban soterrados na igrexa do mosteiro. O medo dos relixiosos a que as reliquias caesen en mans de persoas contrarias ao clero –pois naquela época había un forte sentimento anticlerical– levounos a esconder o corpo nun lugar secreto, cuxa localización segue descoñecida.

Desde hai uns cincuenta anos –coincidindo máis ou menos co comezo do proceso de rehabilitación do mosteiro– San Ero volveu ser honrado na parroquia con misas. A festa de San Ero era antigamente dunha solemnidade extraordinaria, cando aínda vivían os monxes no mosteiro, e asistía xente de toda a comarca do Salnés . Na actualidade, con todo, trátase dunha celebración moito máis sinxela e íntima, á que adoitan asistir só os habitantes da zona.

En definitiva, o legado de San Ero de Armenteira sintetiza a esencia espiritual e territorial de Galicia: unha terra onde o silencio dos mosteiros dialoga co rumor das fontes e co canto dos paxaros. A súa figura, situada entre a historia documentada e a revelación poética, continúa inspirando a quen busca no pasado un espello do eterno. Armenteira, co seu claustro e a súa lenda, permanece como recordo vivo dun tempo en que a fe e a natureza se fundían nun mesmo misterio. Así, o nome de San Ero segue sendo un símbolo de unión entre o ceo e a terra, entre o home e o sagrado.


- GUILLERMO RODIÑO (2026)

Comentarios

Entradas populares de este blog

LIMIAR

DEBUXO DO AUTOR PRIMEIRAS VERBAS Para a miña ledicia, e espero que tamén para a vosa, estréase hoxe O Miradoiro do Salnés . A idea deste blog vén de hai tempo. Sempre tiven o desexo de contar cun voceiro propio, un espazo no que dar a coñecer ao mundo a nosa terra, Galicia, coas súas historias, lembranzas e tesouros agochados. Foi no verán de 2025 cando, por fin, me decidín a poñer en marcha esta pequena viaxe compartida. Este blog nace da curiosidade e do agarimo por unha terra que fala sempre, se un sabe escoitala. Cada praia, cada viña, cada pedra de castro ou cada vella igrexa ten algo que contar. O meu propósito é sinxelo: compartir esas historias, grandes ou pequenas, que fan do Salnés un lugar único. Mais non só falarei do Salnés. A historia, a arte e a cultura lévannos por camiños que moitas veces saen fóra da nosa comarca, e tamén quero abrir aquí a porta a esas outras paisaxes, vilas e tradicións que forman parte do noso mundo galego e atlántico. Non se trata aquí de dar lec...

O Cruceiro máxico do Monte Faro (Noalla)

  DEBUXO DO AUTOR o corazón do monte Faro, en plena parroquia de Santo Estevo de Noalla (concello de Sanxenxo), érguese un cruceiro que segue vivo, alimentado polas ofrendas que constantemente repousan ao seu carón. Non é un cruceiro calquera: na súa base acumúlanse cirios acesos, flores e, de maneira sorprendente, zapatillas que deixan os devotos como símbolo de promesas ou peticións cumpridas. A xente di que este cruceiro está ligado á maxia e aos ritos escuros, un espazo onde o sagrado e o popular conviven nun mesmo altar de pedra. As ánimas do purgatorio semellan acompañar o seu silencio, convertendo o lugar nun punto de encontro entre o mundo visible e o invisible. Mais se por algo é coñecido este cruceiro é pola súa lenda máis pintoresca, transmitida de xeración en xeración. Conta a tradición que quen padeza almorrás debe deixar unha moeda na súa base, baixar os pantalóns e sentarse enriba dela mentres recita unha oración. O rito complétase coa asistencia a unha misa na igr...

A MORTE EN GALICIA : UN PERCORRIDO POLAS NOSAS TRADICIÓNS DA ULTRATUMBA

  ÁNIMAS DO PURGATORIO . DEBUXO DO AUTOR INTRODUCIÓN   alicia conta cun amplo e diverso patrimonio cultural relacionado coa morte, do cal forman parte numerosos elementos inmateriais: mitos, lendas, tradicións ancestrais, supersticións, festas… Con este traballo preténdese realizar un estudo onde se reflicta a importancia da morte na cultura galega, analizando dende un punto de vista xeral os seus ritos, crenzas, lendas e mesmo festas nas que a morte e o mundo da ultratumba se converten nos principais protagonistas. O home no progreso da súa evolución descubriu un elemento que trastornaría a vida para sempre. A conciencia da presenza da morte e a certeza de que a todos visitará, ricos e pobres. Galicia, quizais polo seu atraso histórico, o seu illamento, ou a dispersión xeográfica dos seus diminutos núcleos de poboación, chegou tarde á modernidade e aínda mantén costumes e ritos da sociedade agrícola que noutros lugares se perderon baixo o peso da industrialización, o peso do ...