Ir al contenido principal

A MORTE EN GALICIA : UN PERCORRIDO POLAS NOSAS TRADICIÓNS DA ULTRATUMBA

 

ÁNIMAS DO PURGATORIO. DEBUXO DO AUTOR

INTRODUCIÓN

 

alicia conta cun amplo e diverso patrimonio cultural relacionado coa morte, do cal forman parte numerosos elementos inmateriais: mitos, lendas, tradicións ancestrais, supersticións, festas… Con este traballo preténdese realizar un estudo onde se reflicta a importancia da morte na cultura galega, analizando dende un punto de vista xeral os seus ritos, crenzas, lendas e mesmo festas nas que a morte e o mundo da ultratumba se converten nos principais protagonistas.

O home no progreso da súa evolución descubriu un elemento que trastornaría a vida para sempre. A conciencia da presenza da morte e a certeza de que a todos visitará, ricos e pobres.


Galicia, quizais polo seu atraso histórico, o seu illamento, ou a dispersión xeográfica dos seus diminutos núcleos de poboación, chegou tarde á modernidade e aínda mantén costumes e ritos da sociedade agrícola que noutros lugares se perderon baixo o peso da industrialización, o peso do materialismo e, sobre todo pola manipulación dos valores polos medios de comunicación.


Hoxe somos testemuños de que a sociedade moderna xa chegou a Galicia, e polo tanto tamén o somos da perda paulatina deses ritos dos que dende sempre se creu que serían definitorios da nosa cultura. E sobre todo, da enorme masificación da televisión e posteriormente das redes sociais, coa consecuente perda da tradición oral.  A maioría dos ritos comezan a ser xa descoñecidos para a inmensa maioría dos mozos. Polo xeral xa só quedan os ritos cristiáns.


Mediante o presente traballo pasaremos por riba de moitos agoiros comúns de morte da nosa cultura, como son os voos de curuxas, mouchos, corvos ou outras aves carnívoras sobre o tellado das casas onde viven persoas enfermas, o ouvear nocturno de cans e lobos ou o xemer de raposos. Centrarémonos moi en concreto na figura da Santa Compaña e do seu importante papel dentro da nosa cultura.


Non nos deixaremos atrás eses santuarios con poderes máxicos aos que os romeiros acoden ano tras ano en busca de favores ou a modo de agradecemento por unha intercesión. Aproveitando isto analizaremos brevemente dúas das máis senlleiras tradicións que teñen á morte por protagonista, como o son a romaría de Santa Marta de Ribarteme ou a do Nazareno da Pobra.


No ámbito profano e pagán centrarémonos na festa que por excelencia a morte se converte na raíña, o céltico Samaín, aproveitando esta escusa para deixar ben amarrados os conceptos Samaín/Halloween que ano tras ano xeran tantas disputas.  


I. O ALÉN E O MUNDO DA ULTRATUMBA

Moitos son os estudosos que afirman que a cultura galega (ademais da exipcia), nas súas tradicións, é a que se atopa máis próxima á morte. Galicia era para os romanos o Finisterrae, a fin do mundo, a terra onde morría o Sol. Por este motivo non debe resultarnos estraño que o folclore na materia da morte sexa tan amplo.

As crenzas relacionadas con augurios funestos e espíritos errantes que vagan pola noite son de carácter ancestral  e atópanse presentes nas raíces de practicamente tódalas culturas. Nos pobos de orixe indoeuropea (entre os que se atopa o noso) xa se advertían algunhas destas tradicións, mais non fai falla remontarse tan atrás para encontrar unha explicación a estas lendas. Os propios romanos, que tanta pegada deixaron na nosa terra, tiñan por costume enterrar aos seus mortos ao bordo das vías e dos camiño, o que quizais puido orixinar o concepto de ánima errante nestes lugares de tránsito.

Tal é a importancia destas crenzas que ata ben entrado o século XX, formaban parte da realidade cotiá do noso país, con especial influencia no ámbito rural. As aparicións das ánimas, de encantos, de entes daniños que que causaban as tempestades e os raios. A presenza de luces e defuntos que andaban de noite arredor das igrexas. Ou mesmo o demo, que era un ser visible en figuras espantosas e horribles. Todo isto, lonxe de ser lendas, mitos ou supersticións era o que a xente empregaba para explicar todo o insólito e descoñecido.

Como xa mencionamos, a bisbarra de Fisterra, posiblemente sexa o lugar de Galicia no que o mundo da ultratumba sempre contou cunha forte presenza nas crenzas populares. Neste lugar era práctica habitual recomendarlle aos moribundos que cando chegasen ao Xordán, afirmasen ser cristiáns pola graza de Deus. Tradición que posiblemente teña as súas orixes na cultura clásica, onde se cría que a alma do falecido, para entrar no outro mundo, tiña que afirmar ser fillo da terra e do ceo estrelado.
Tamén era o común entre as persoas anciáns, o uso de eufemismos para referirse a morte. En lugar de dicir que alguén morrera, adoitaban utilizar o termo “marchouse” ou as frases “foise ao seu mundo” e “vai chegando o tempo de durmir fora”, ante o inminente falecemento.

Mais non fai falla atoparse en Fisterra para escoitar este tipo de ditos. Nos nosos días aínda son moitas as persoas que tratan á morte como un tema tabú e con moito respecto. Non hai máis que pararse a observar a cantidade de ritos que perduran ata os nosos días nos que a morte é a raíña. O samaín (do que falaremos no seu propio apartado), as misas de defuntos, as peregrinacións a santuarios máxicos que representan unha fronteira entre o mundo dos mortos e dos vivos... Son tradicións que milleiros de persoas aínda realizan nos nosos días.  


I.I. SANTO ANDRÉS DE TEIXIDO, VAI DE MORTO O QUE NON FOI DE VIVO

 

Chegados a este punto, debemos facer unha pequena parada nun dos lugares máxicos de Galicia no que a tradición, morte e superstición van collidos da man. Estamos a falar do santuario de Santo André de Teixido.  Esta igrexa atópase na parroquia coruñesa de Régoa, no concello de Cedeira. Este santuario quizais sexa o segundo centro de peregrinación máis peculiar de toda Galicia pola súa forte carga simbólica, sendo visitado por milleiros de pregrinos ao longo do ano.


Segundo a tradición, Teixido é unha das entradas ao outro mundo, o porto no que as almas embarcan cara a súa viaxe destinada ao Alén. Conta a lenda que San Andrés chegou a estas terras por mar para realizar o seu labor evanxelizante. Tempo despois, xa levantado o templo na súa honra, o apóstolo Andrés atopábase decaído xa que a súa igrexa estaba afastada e contaba con pouca devoción. Pola contra o templo de Santiago apóstolo rebordaba de peregrinos. Un día aparecéuselle o Señor, e ao velo tan abatido, prometeulle que ninguén entraría no ceo sen antes acudir ao seu santuario. Por este motivo, todo aquel que non o visite de vivo, o fará despois da súa morte. E deste xeito será ata o fin dos tempos, facéndose famoso o dito “a San Andrés de Teixido vai de morto o que non foi de vivo”.  

Esta crenza podémola ver reflexada en obras da literatura como El bosque animado de Wenceslao Fernández Flores. Nela o pobre Fiz Cotobelo está obrigado a errar como unha ánima en pena por non ter cumprido a súa promesa de visitar San Andrés de Teixido.

O primeiro que debe facer o peregrino ao chegar a San Andrés de Teixido é levar algunha ofrenda para o santo, ou ben deixarlle esmola. Actualmente, aínda se poden ver, ao carón do antigo camiño, milladoiros formados ao longo dos séculos polos romeiros, que deixaban unha pedra como sinal do seu paso, xa que segundo a tradición no día do Xuízo Final, as pedras serán testemuño de quen cumpriu a promesa de visitar o lugar. 

Tamén era habitual que o peregrino pasase polo cemiterio onde estaba enterrado algún ser querido e o chamase para que o acompañase na súa viaxe ata a igrexa de Santo André de Teixido. 


I.II. OS ANUNCIOS DE MORTE

 

Unha vez comprendida a importancia da morte na nosa cultura, agora centrarémonos noutro dato moi importante relacionado con esta. Os anuncios ou presaxios de morte.

En Galicia existen diversas crenzas nas que se afirma que a propia morte personificada é a encargada de dar avisos previos ao futuro falecido ou a veciños da aldea. 

Dise que pode aparecerse un carro tirado por cabalos, chamado “Carro da Morte”, sendo a súa observación un claro presaxio de falecemento. Pero a versión máis estendida segundo afirman numerosos antropólogos como Antonio Reigosa ou Xoán Ramón Cuba, é a que fala da Morte Branca e a Morte Negra, ambas consideradas irmás.

A Morte Branca, figura espectral de vestida como o propio nome indica, adoita presentarse na porta do moribundo para avisalo, con antelación, do día e da hora exacta en que sucederá, para que estea preparado para cando vaia recollelo a Morte Negra. A Morte Negra nunca vai de viaxe en balde, aínda que se trate de enganala. 

Tamén era moi habitual a crenza na existencia de diferentes sinais ou avisos de morte. O son de campaíñas, golpes ou ruídos estraños dentro dunha vivenda eran interpretados como malos presaxios e augurios funestos. O mesmo acontecía con aves como a curuxa, cuxo canto, se proviña do tellado da casa, era anuncio de morte dalgún membro da familia. Outro símbolo que se consideraba de mal agoiro era o ouveo dun can, especialmente se era producido próximo a unha das vivendas da vila.

En case tódalas aldeas galegas existía a figura do vedoiro. Estas persoas estaban considerados como unha especie de videntes ou adiviños. Entre as súas múltiples facetas, estaba a comunicación cos mortos, sendo capaces de prognosticar a morte dos seus veciños, xeralmente a través de visións premonitorias. Esta especie de “superpoder” atribuíase ao erro de utilizar no momento do bautismo os óleos dos moribundos próximos a recibir a extrema unción no canto dos óleos propios dos bautizados.

Dentro destas tradicións e supersticións folclóricas relacionadas coa morte , as encrucilladas desempeñan un importante papel. O cruzamentos dos camiños considerábanse lugares simbólicos de encontro entre dous mundos, reunindo a bruxas e seres pertencentes ao ámbito non humano. Nelas, podíase intuír sinais dunha morte próxima, mediante a aparición das ánimas condenadas ao Inferno ou ao Purgatorio e incluso o mesmo demo, que reclamaban nestes lugares a alma do vivo. Por este motivo as encrucilladas tíñanse como lugares malditos, polo que se decidiu levantar nelas cruceiros (tema que espertará un gran interese en Castelao) e petos de ánimas para protexerse destes seres e do maligno. Deste xeito, cambiábase o carácter da encrucillada, converténdoa en terreo sacro.

En relación ao concepto de ánimas errantes, era moi habitual a crenza en que estas, ademais de presentarse en grupo como veremos máis adiante, podían deambular en solitario e aparecerse aos vivos, coa intención de que se intercedese por elas para poder entrar no Alén. O defunto pedía que se dixesen algunhas misas polo seu eterno descanso, se rezasen algunhas oracións ou que se cumprise algunha promesa que non puidera realizar en vida.

Agora, xa falado das premonicións de morte, centrarémonos nos avisos á comunidade de veciños unha vez xa se produciu o pasamento de alguén. Este aviso realizarano sempre as campás da igrexa parroquial. Cando as campás tocan a morto, o número e ritmo das badaladas, variable en cada parroquia, informaba do sexo e idade de quen faleceu. Xeralmente  tres toques seguidos, cunha pausa, anunciaban a morte dun home; dous, a dunha muller. Unha vez comunicada esta noticia aos veciños procederase ao velorio, do que falaremos máis adiante.

I.III. A SANTA COMPAÑA

 

A COMPAÑA. DEBUXO DO AUTOR
En Galicia, tradicionalmente, o anuncio máis común de morte tráeo sempre a Santa Compaña, quizais o mito galego de ultratumba máis internacional. Tamén coñecida como “estadea”, “estantigua”, “xans”, “rolda”, “as da noite”... A Santa Compaña é a procesión dos defuntos. Esta tradición existe tamén en numerosas zonas da Península e mesmo de Europa. 

A Santa Compaña componse das almas en pena dos mortos que polas noites, ordenadas en procesión, transitan as corredoiras, os montes e os camiños. Unhas veces as comitivas son curtas, estando compostas por tres ou catro ánimas, mais noutras ocasións, afírmase ter visto unha longa procesión de ata trinta ánimas errantes. 

O cemiterio adoita ser o punto de partida e tamén o final da comitiva, realizando en ocasións, unha parada na igrexa parroquial, onde celebran a misa das ánimas. Adoitan ir ensotanados (con túnicas brancas ou negras) portando cirios ou candís e o cadaleito dun

finado recente. Eventualmente, encabeza a procesión o propio defunto que acaba de falecer ou o “predefunto”, cargando unha cruz de madeira. Outras veces é a mesmísima morte a que preside a comitiva personificada como un ensotanado máis, cunha caveira por rostro e gadaña en man.

Polo tanto, a Santa Compaña son os mortos que van buscar o morto e a súa visión non é máis que unha premonición de morte, avisando dos que van falecer no ano. Segundo a tradición tamén é habitual que se apareza ante a casa do que vai morrer.

Cando se transitaba polos camiños de noite, para protexerse, era costume levar amuletos como dentes de allo ou anacos de pan negro. Con todo, o remedio máis eficaz é non mirar para os mortos e trazar un círculo na terra para meterse dentro. Deste xeito, evítase que as ánimas poidan levar esa persoa para non regresar nunca máis, ou no mellor dos casos, axudalas guiándoas polos camiños portando a mencionada cruz de madeira ata que apareza outro incauto que o substitúa.

En definitiva, a crenza na Santa Compaña, sexa un fenómeno real ou un mito do pasado que perdurou no tempo, aínda se encontra moi viva na cultura popular galega, sendo numerosos os autores que fixeron eco desta tradición, dende Torrente Ballester, que afirmaba que a vira de neno, ata Valle-Inclán, ou Álvaro Cunqueiro, na súa novela As crónicas de Sochantre.

No concello de Sanxenxo, ubicado na provincia de Pontevedra, existe a crenza de que a Santa Compaña parte de Noalla e continúa a súa fantasmal comitiva ata chegar á illa de Ons. As ánimas vas andando sobre o mar. Unha vez na illa, fan un percorrido fixo ata chegar ao cemiterio ou ao coñecido buraco do Inferno.

A Santa Compaña é realidade ou crenza. Podemos afirmar que se trata dun mito de tradición oral relacionado co medo ancestral á morte que aínda hoxe en día se mantén vivo. Unha forma de dar resposta ao descoñecido e incomprensible polo ser humano. 


II.  SAMAÍN OU HALLOWEEN?

 

Halloween é unha das festividades que máis controversia xera debido ao descoñecemento que se ten da súa orixe real. A miúdo a xente cuestiónase se se trata  dunha tradición autóctona ou ben a importamos dende outro lugar do mundo, xa que comunmente crese que a noite do 31 de outubro celébrase unha festividade propia do mundo anglosaxón a cal pouco a pouco foi penetrando na cultura popular de lugares como España ou Hispanoamérica. Sen embargo Halloween ou A noite de bruxas como tamén se coñece é o resultado da unión producida tras a cristianización de festividades pagás celtas que celebraban o fin do verán. En concreto, Halloween é a suma da antiga conmemoración pagá chamada Samaín e a festividade cristiá do Día de todos os Santos. Esta última festividade é celebrada o 1 de novembro para honrar aos defuntos queridos e levarlle flores ás súas sepulturas. De feito, o termo “Halloween” podería provir da contracción inglesa All Hallows’s Eve, que en galego significaría véspera de tódolos santos. Pero que era o Samaín?

O Samaín era unha festa céltica que marcaba o fin da temporada de colleitas e a entrada ao novo ano que comezaba cunha estación de escuridade, xa que os meses próximos non serían de colleitas. Para os pobos celtas, na noite do 32 de outubro a liña que separaba o mundo dos vivos do dos mortos desaparecía, o cal permitía o paso espiritual dun mundo a outro tanto para os espíritos bos como para os malos. Ás almas daqueles que morreran durante o ano, permitíaselles acceder á terra dos vivos. Era un tempo no que se cría que os espíritos deambulaban. Para poder desfacerse daquelas ánimas que non tiñan boas intencións, o pobo disfrazábase e empregaba máscaras que imitaban a aparencia, que segundo crían, tería un mal espírito. Desa forma espantábanos.

Como se pode ver, varias das crenzas que se foron instalando na cultura popular paulatinamente co paso dos anos, derivan desta antiga tradición de orixe pagá. 

Tempo despois tivo lugar a conquista romana dos pobos celtas, o que provocou que parte do pobo romano adaptara a festa á súa maneira. Ademais, eles xa celebraban festas da colleita e un festival na honra ás ánimas dos mortos, polo que non foi difícil a combinación de tradicións. O cristianismo foi gañando influencia pouco a pouco en Roma, ata que se fixo a relixión oficial do imperio e con isto establecéronse novas festividades relixiosas. 

Do culto popular de cada un dos santos,  acabaríase chegando á celebración dunha “festa de tódolos Santos”. As primeiras tentativas aparecen xa no século IV. Xa no século VIII, sabemos que o papa Gregorio III establece en Roma a Festa de todos os Santos. Foi con Gregorio IV cando a festa se fixa definitivamente para o 1 de novembro. Por iso, o abade de Clunny establece un día para conmemorar ás ánimas do Purgatorio inmediatamente despois da festa de todos os santos. Este día, o 2 de novembro, é coñecido como o día dos Fieis Defuntos. 

Separábase dalgunha maneira, a forma de honrar aos ancestros lonxanos  e aos ancestros cercanos. É Clunny o que fai que a Igrexa lle dea importancia á conmemoración dos defuntos, xa que na súa liturxia era fundamental a oración polo que se atopaban no Purgatorio. Na Abadía de Clunny levaban contas nun gran libro, o Liber Vitae, de todos os defuntos polos que rezaban. Tal era o seu prestixio que tódolos rei de Europa querían ser mencionados nese libro.

Sóese confundir ambas datas, a de Todos os Santos e a de Dos Fieis Defuntos. Aínda que o día 1 sexa para honrar aos mortos que superaron o Purgatorio (os ancestros lonxanos) e o día 2 para honrar aos mortos que todavía seguen purificándose no Purgatorio (os ancestrosv próximos ou cercanos), debido a que o día 2 en España soe ser laborable, aso colas nos cemiterios fórmanse o día 1 e non o 2.

En México é moi peculiar o Día de Mortos, que non é outra cousa que a versión mexicana coas peculiaridades das dúas festividades católicas. Isto celébrase n México dende a conquista española en 1521. E como sinalou a historiadora Elsa Mavido, esta festa non ten nada de tradición indíxena por moito que algúns se empeñen. 

A mediados do século XIX, a tradición que se trasladara a Canadá e a Estados Unidos, atopou un lugar idóneo para asentarse. Alí, grazas á intervención do pobo inmigrante irlandés, comezou a tradición de tallar caras en calacús. Este tipo de decoración coñécese como Jack O’Lantern, unha simpática e á vez terrorífica calabaza con velas no seu interior que segundo o folclore anglosaxón servía para espantar ao demo. 

Xa a finais do século XX, durante a década dos 70, comezou a expandirse a tradición por todo o mundo. Os medios masivos como o cine e a televisión convertésense nunha ferramenta moi eficaz para mostrar ao mundo o que ocorría en Estados Unidos cada 31 de outubro. Pronto, os nenos de todo o mundo comezaron a disfrazarse e a ir de casa en casa pedindo truco ou trato. Pero a tradición de truco ou trato, incorporouse en Estados Unidos na primeira metade do século XX, é dicir, moi tarde, e non é unha invención yanqui. Xa existía unha costume europea moi parecida que con distintas variantes locais, pode remontarse ata o século XV. De feito o que chaman hoxe "truco ou trato" existiu toda a vida en Galiza e a igrexa tentou prohibilo.  

O bispo de Mondoñedo Antonio de Guevara (non era galego), sorprendido polo mantemento en Galiza de ritos que consideraba contrarios ao cristianismo, tentou prohibilos, entre eles a de ir pedindo polas casas. Así, o deixou escrito nas Constitucións Sinodais de 1541. A medida non xurdiu efecto e esta tradición mantívose por toda Galiza ata os nosos días, de feito na Illa de Arousa, saen todos os anos a pedir a esmoliña baixo o lema "unha limosniña polos defuntiños que van alá".

Pese á enorme influencia que tivo Estados Unidos sobre este tipo de tradicións relacionadas cos mortos, non é unha festividade que teña orixe na súa cultura. Pola contra, en España tense a falsa crenza de que Halloween é unha tradición importada dende aló. A véspera de Todos os Santos, ven dunha antiga tradición celebrada en Europa e na Península Ibérica incluso dende antes de que os Estados Unidos se constituísen como nación aínda que evidentemente non se chamaba Halloween. 

Por moito que os estadounidenses incorporasen numerosos elementos, Halloween é unha festa moi antiga, primeiro de orixe pagán e logo cristián. En definitiva Halloween, ou a véspera de Todos os Santos é unha festa que se celebra dende a noite dos tempos, pero sobre todo unha festa nosa. 

III.  MORRER EN GALIZA

Tras a morte dun veciño nas aldeas, era habitual que familiares, amigos e veciños foran reuníndose na casa para despedir ao morto, colocado sobre a cama ou xa na caixa, e acompañar á familia durante toda a noite. Primeiro procederíase a persignarse e descubrirse, dedicando uns primeiros momentos de silencio e dor, con distintas mostras de louvanza e aprecio polo defunto.

Nos velorios todos tiñan asignada unha función. Era habitual que as mulleres quedasen rezando interminables rosarios interrompidos por choros mentres que os homes retirábanse a outra habitación. Pronto cambiarase o tema de conversación facéndoo máis livián e variado. Isto non era máis que un intento inconsciente de aliviar a dor  ante a morte. Xeralmente rematábase falando do tempo, dos traballos do campo ou de calquera cousa, mesmo xa con momentos de relaxación e algunhas risas máis ou menos disimuladas. 

Existía en Galicia un antigo rito funerario coñecido co nome de “Danza do Abellón” no que todos os familiares e asistentes ao velorio dun cadáver, formando roda collidos da man, daban voltas ó redor do corpo imitando o son zoante do abellón. 

Isto consistía en que os familiares presentes no velorio xuntábanse arredor do morto e collidos das mans formando un círculo, xiraban arredor do cadaleito dando pequenos brincos e emitindo un son zoante polo nariz: “mmmmmm”. Antes de facer o abellón os participantes pactaban as regras do mesmo: a fundamental era que non se podía parar de zoar, pero tampouco estaba permitido soltarse das mans nin falar.  

Críase que se algún dos participantes falaba ou interrompía o baile por calquera causa, sería o primeiro dos presentes en morrer.  

Este ritual foi recollido por Alfredo Brañas no século XIX a raíz dun velorio no que el mesmo participou en Vilanova de Arousa (Pontevedra) e constitúe un dos casos máis particulares das prácticas tradicionais galegas relacionados coa morte. Parece que o abellón celebrouse ata os anos 1930-1940 nalgunhas parroquias de Vigo e pénsase que tiña presenza noutras localidades.  

Trátase doutra manifestación musical que emprega o sistema respiratorio para emitir un son. Nalgúns lugares da Galiza rural existiu ata ben entrado o século XX o costume de facer o abellón nos velorios. Estas reunións funerarias convertíanse normalmente en auténticas festas con banquetes, xogos e risas entre os alí congregados, auténtico sistema compensatorio da fonda tristura dos familiares fronte á desaparición dun ser querido. A partir deste rito, comezaba o velorio e oficialmente o falecemento da persoa.  

Segundo o antropólogo Xosé Ramón Mariño Ferro, pola zona de Cambados e ata non hai moito tempo, ir ao abellón significaba ir ao propio velorio. Este autor engade que os participantes que zunen arredor do cadáver probablemente queren imitar as abellas (cuxo vibrante zoar se asociaba xa en textos gregos co canto das choronas) cando limpan os cadáveres da colmea, polo que se podería tratar dun dos ritos de purificación dos enterros cos que se limparía "o mal de aire" xerado pola morte, moi propio de pobos indoeuropeos.  

IV.  A MORTE NAS FESTAS E ROMARÍAS

 

Tradicionalmente cando alguén sufría unha longa enfermidade que os médicos non eran quen de curar, os familiares do moribundo ofrecíano a un santo, ó Nazareno ou á Virxe. Este ofrecemento consistía en comprometerse a realizar algún tipo de sacrificio, ritual ou peregrinación a modo de expresión pública de agradecemento á intervención divina conseguir a curación. 

Son coñecidas, neste sentido, as procesións dás mortallas que se celebran na Pobra do Caramiñal (A Coruña) ou terceiro domingo de setembro con ocasión do Nazareno, ou en Ribarteme (Na parroquia de As Neves, Pontevedra), coa ocasión das festas na honra de Santa Marta (celebrada cada ano o 29 de xullo). Nestas procesións, os ofrecidos, vestían hábitos relixiosos ou acompañaban un féretro trala imaxe do santo. 

Agora centrarémonos nas dúas principais festas nas que predominan as procesións de cadaleitos:

IV.I  SANTA MARTA DE RIBARTEME

 

Esta é unha romaría, da que hai referencias escritas que datan de 1700, aínda que varias teorías remontan as súas orixes á Idade Media, atrae cada ano a centos de fieis da santa e a outros tantos curiosos.

Nela, os penitentes sométense ao transo de ir en féretros e amortaxados para agradecerlle á santa a súa intercesión por eles, os seus familiares ou achegados á hora de recuperarse de graves enfermidades. No caso dos nenos, os féretros, de cor branca, adoitan ir baleiros.

O son das campás, compasadas coas bombas de palenque e un cántico repetitivo “Virxe de Santa Marta, raíña da gloria, todo o que se che ofrece sae con vitoria”, e “Virxe de Santa Marta, estrela do norte, traémosche aos que viron a morte” dan maior solemnidade á comitiva.

Algúns dos seus integrantes visten unha especie de mortalla e portan un bastón e unha vela, que ben traen de casa ou a adquiren nos múltiples postos con cirios de todos os tamaños e exvotos instalados nos arredores da parroquia.

A de Santa Marta de Ribarteme non é a única celebración relixiosa de Galicia onde a morte, ou máis ben a resurrección, é a protagonista. 

IV.II O NAZARENO DA POBRA DO CARAMIÑAL

 

Se hai unha festa en Galicia que mostre con toda claridade a relación sen complexos e a naturalidade coa que o pobo galego convive coa morte, a parte da romaría de Santa Marta de Ribarteme ou a de San Andrés de Teixido, esa é a Festa das Mortallas da Pobra do Caramiñal, unha atiquísima e respectada tradición que esperta de modo case irremediable o asombro dos foráneos. Esta ven a ser unha procesión formada polos féretros dos ofrecidos, na zona tamén chamados nazarenos. Estes e as súas familias dan grazas deste xeito ao Altísimo pola súa intercesión ante unha inminente morte, despois dalgunha grave enfermidade ou accidente.

A posta en escena da procesión das Mortallas é, sen dúbida, impresionante. Seguindo o cadaleito que os acollerá na súa morte, e que é portado polos seus familiares, os ofrecidos van vestidos co seu hábito mortuorio, morado, como o de Cristo (se son persoas casadas ou viúvas, ou branco se son nenos ou nenas ) levando con eles un gran cirio nas mans. Miles de persoas de todas as idades acoden a esta procesión con gran fervor relixioso, moitas delas tamén ataviadas cunha túnica morada, algunhas descalzas, e portando cirios con exvotos colgantes, dando grazas polos favores recibidos ou pedindo boa saúde para eles e os seus achegados. A procesión fai un longo percorrido polo casco urbano da Pobra.Todo isto tras a figura de Xesús o Nazareno. Esta fermosa imaxe barroca sae da igrexa de Santiago do Deán, percorre a zona vella e a estrada principal e regresa á igrexa.

Segundo os estudos, as raíces desta tradición á que alude Valle-Inclán nas súas “Comedias Bárbaras” afúndense no século XV. Conta a lenda que uns bandidos foron apresados e condenados á morte na Pobra. O rexedor que debía levar a cabo a sentenza enfermou gravemente e, tras encomendarse ao Nazareno a véspera da súa festividade, recuperou a saúde. Cando chegou a hora da procesión, acudiu ao cortexo amortallado e mandou que os condenados portasen o seu féretro durante a procesión. Ao chegar ao atrio, invocou ao Cristo e indultou aos condenados.

 

V. CONCLUSIÓNS

 

Sen dúbida algunha, poderíase afirmar que a morte é unha das cousas que sabemos con certeza da vida. En Galicia, a morte convértese para todo investigador nun tema fascinante debido á súa fonda tradición neste tema. Non hai lugar no que os mortos non estean tan vivos como en Galicia.

Tras este traballo, no que falamos sobre como se vía a morte na antigüidade, podemos observar que hai un cambio radical na nosa forma de convivir coa morte.  O certo é que a nosa sociedade nos fai vivir de costas á morte de forma absoluta, pois o home moderno aspira a ser inmortal. Ante isto, moitos dos ritos e tradicións comentadas caeron no esquecemento. 

A morte era algo co que se convivía tódolos días. A xente era consciente de que a morte estaba presente, continuamente axexando. A xente vivía a morte con naturalidade.  Na Galicia rural, tradicional, a morte era algo sempre presente, cotiá, á que se esperaba e para a que cumpría prepararse. Desde sempre estivo rodeada dun complexo sistema de prácticas convertidas en rituais que comezaban a pórse en acción desde os momentos previos ó pasamento ata máis ou menos tempo despois de producirse este. 

Tras todo o estudado podemos afirmar que a cultura galega ten unha longa tradición e que acepta con facilidade experiencias que noutros lugares poderían considerarse sobrenaturais.  Non podemos quedarnos de brazos cruzados e debemos expresar a nosa preocupación pola perda gradual dos mecanismos tradicionais da sociedade para xestionar o relacionado coa morte. Debemos facer fincapé na importancia de normalizar a conversa sobre este tema, outorgándolle a naturalidade que merece para comprender e asimilar a morte como parte integral da vida para evitar que se converta nun trauma á hora da verdade. Lembremos que, tarde ou cedo, todos enfrontaremos a morte e que é crucial abordar este tema con naturalidade.

Como dixo Mariño Ferro débese aclarar o significado e as funcións das nosas crenzas ás que a sociedade moderna lles impón esa inútil e enganosa etiqueta chamada “superstición”. Esa queridos lectores, é a única intención deste estudo. 

GUILLERMO RODIÑO (2025)

 

ALONSO ROMERO, Fernando (2000). Las almas y las abejas en el rito funerario gallego del abellón.

CASTELEIRO SANTOS, José Luís; GARCÍA SEOANE, Miguel; SARDIÑA, Carlos: Galicia inmaterial,Galicia máxica. Ed.Galaxia, 2018

CUBA, Xoán, REIGOSA, Antonio, MIRANDA, Xosé, Diccionario de los seres míticos gallegos, Ed. Xerais, 2008

RODRÍGUEZ LÓPEZ (1974). Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Lugo: Ed. Celta.

L. TOLOSANA, Carmelo (2004) La Santa Compaña. Ed. Akal.

MARIÑO FERRO, X.Ramón (1995) Aparicións e Santa Compaña. Ed.Xerais 

Comentarios

Entradas populares de este blog

LIMIAR

DEBUXO DO AUTOR PRIMEIRAS VERBAS Para a miña ledicia, e espero que tamén para a vosa, estréase hoxe O Miradoiro do Salnés . A idea deste blog vén de hai tempo. Sempre tiven o desexo de contar cun voceiro propio, un espazo no que dar a coñecer ao mundo a nosa terra, Galicia, coas súas historias, lembranzas e tesouros agochados. Foi no verán de 2025 cando, por fin, me decidín a poñer en marcha esta pequena viaxe compartida. Este blog nace da curiosidade e do agarimo por unha terra que fala sempre, se un sabe escoitala. Cada praia, cada viña, cada pedra de castro ou cada vella igrexa ten algo que contar. O meu propósito é sinxelo: compartir esas historias, grandes ou pequenas, que fan do Salnés un lugar único. Mais non só falarei do Salnés. A historia, a arte e a cultura lévannos por camiños que moitas veces saen fóra da nosa comarca, e tamén quero abrir aquí a porta a esas outras paisaxes, vilas e tradicións que forman parte do noso mundo galego e atlántico. Non se trata aquí de dar lec...

O Cruceiro máxico do Monte Faro (Noalla)

  DEBUXO DO AUTOR o corazón do monte Faro, en plena parroquia de Santo Estevo de Noalla (concello de Sanxenxo), érguese un cruceiro que segue vivo, alimentado polas ofrendas que constantemente repousan ao seu carón. Non é un cruceiro calquera: na súa base acumúlanse cirios acesos, flores e, de maneira sorprendente, zapatillas que deixan os devotos como símbolo de promesas ou peticións cumpridas. A xente di que este cruceiro está ligado á maxia e aos ritos escuros, un espazo onde o sagrado e o popular conviven nun mesmo altar de pedra. As ánimas do purgatorio semellan acompañar o seu silencio, convertendo o lugar nun punto de encontro entre o mundo visible e o invisible. Mais se por algo é coñecido este cruceiro é pola súa lenda máis pintoresca, transmitida de xeración en xeración. Conta a tradición que quen padeza almorrás debe deixar unha moeda na súa base, baixar os pantalóns e sentarse enriba dela mentres recita unha oración. O rito complétase coa asistencia a unha misa na igr...