| DEBUXO DO AUTOR |
PRIMEIRAS VERBAS
Para a miña ledicia, e espero que tamén para a vosa, estréase hoxe O Miradoiro do Salnés.
A idea deste blog vén de hai tempo. Sempre tiven o desexo de contar cun voceiro propio, un espazo no que dar a coñecer ao mundo a nosa terra, Galicia, coas súas historias, lembranzas e tesouros agochados. Foi no verán de 2025 cando, por fin, me decidín a poñer en marcha esta pequena viaxe compartida.
Este blog nace da curiosidade e do agarimo por unha terra que fala sempre, se un sabe escoitala. Cada praia, cada viña, cada pedra de castro ou cada vella igrexa ten algo que contar. O meu propósito é sinxelo: compartir esas historias, grandes ou pequenas, que fan do Salnés un lugar único.
Mais non só falarei do Salnés. A historia, a arte e a cultura lévannos por camiños que moitas veces saen fóra da nosa comarca, e tamén quero abrir aquí a porta a esas outras paisaxes, vilas e tradicións que forman parte do noso mundo galego e atlántico.
Non se trata aquí de dar leccións nin de escribir libros de eruditos, senón de mirar ao redor con ollos atentos e de contar o que imos descubrindo. Unhas veces será historia, outras lenda, outras memoria familiar ou costume popular. O importante é non deixar que eses recordos se perdan.
O Miradoiro do Salnés quere ser un espazo aberto. Un miradoiro para contemplar a nosa comarca, pero tamén unha conversa cos que a viven, a visitan ou a soñan.
Se ao final destas páxinas alguén aprende algo novo, ou simplemente mira con máis cariño un recuncho do noso territorio, xa terá valido a pena.
Parabéns pola iniciativa, Guillermo. Tan fermosa como necesaria. De verdade! Unha aperta
ResponderEliminarTodo que se dija da nosa Terra Ainda e pouco.....e estás iniciativas Ainda a fan mais grande ...Parabens Guillermo
Eliminar