| DEBUXO DO AUTOR |
Cómpre lembrar unha práctica que, aínda que xa desaparecida, formou parte da identidade espiritual e cultural de Portonovo: o chamado bautismo prematuro, máis coñecido como o “Bautismo da Ponte do Río de Portonovo”.
Esta cerimonia, hoxe esquecida por mor do avance da medicina, o aumento do nivel cultural e os cambios sociais, conservou durante xeracións un forte arraigamento. Malia que hoxe poida sorprender, hai apenas 50 anos que se celebraron os últimos ritos, dos que aínda queda memoria viva entre os veciños máis vellos.
A práctica nacía da dor e do desexo. Mulleres que, tras varios embarazos frustrados ou a perda repetida de fillos ao nacer, acudían a este rito coa esperanza de romper esa traxedia. O obxectivo era un: lograr que o fillo que levaban no ventre nacese con vida. A fe —propia ou inducida por familiares, veciños ou comadres— empuxábaas a someterse a esta cerimonia na Ponte do Río, unha ponte rústica por onde discorría o regato que cruza Portonovo. Hoxe hai que situarse no barrio do Areal, entre o portal do CEIP Portonovo,e o parque que está á beira da praza de abastos, na confluencia das rúas "Areal" e "Travesía Areal".
Actualmente, instalouse un novo cruceiro pequeno nos xardíns dese edificio, mantendo viva a simboloxía do lugar.
| DEBUXO DO AUTOR |
O rito realizábase cando a muller se atopaba aproximadamente no sétimo mes de xestación. Ás doce da noite, nun ambiente de segredo e respecto, os padriños —acompañados de poucos familiares ou amigos— xuntábanse coa muller xestante á beira do río. Alí, botábanlle auga pola caluga ou o pescozo, deixándoa esvarar polo ventre ata os pés, mentres se recitaban as fórmulas propias do bautismo católico.
A criatura era bautizada no ventre materno, recibindo dous nomes: un de neno e outro de nena, xa que aínda non se coñecía o sexo. Estes nomes serían os oficiais no momento do bautismo sacramental, se o parto tiña éxito. Os padrinos do rito tamén asumían, normalmente, o mesmo papel na Igrexa.
A cerimonia requiría unha estrita intimidade: ninguén alleo ao acto podía presenciar o bautismo. Por iso, familiares e veciños colocábanse nos camiños que levaban á ponte para impedir o paso de curiosos ou incrédulos, ás veces con paus ou bastóns, non por agresividade, senón por respecto ao misterio do rito.
Só se permitía o paso ao primeiro home que chegase, ao que se lle ofrecía ser padriño; se rexeitaba, non podía continuar. O mesmo ocorría coa madriña, no caso de que aparecese unha muller. Se non pasaba ninguén, xa se tiñan padriños suplentes elixidos previamente.
Unha vez rematada a cerimonia, o ambiente tornábase festivo: celebrábase unha merenda á beira do río con empanadas, viño e outras viandas. O que sobraba botábase ao río, como ofrenda simbólica ás ánimas en pena, pedindo que non interferisen no destino do neno que estaba por nacer.
A fe na auga do río e na ponte como elementos cargados de forza vital era total. A corrente levaba as penas, as maldicións ou os malos fados, afastándoos da nai e do seu futuro fillo. Como se dicía no pobo, “o bautismo da ponte dá vida”. E a realidade é que moitos dos nenos que foron “bautizados na ponte” hoxe viven, con vidas plenas e familias propias, gardando quizais sen sabelo a pegada dun acto cheo de dor, esperanza e fe.
A poucos metros da ponte atopábase un cruceiro, situado primeiro ao lado do camiño que levaba a Benitiño, e máis tarde colocado no muro da finca onde hoxe está o edificio Parque Mar.
Quizais por iso, actualmente, se instalou un novo cruceiro pequeno nos xardíns dese edificio, mantendo viva a simboloxía do lugar.
Comentarios
Publicar un comentario