| DEBUXO DO AUTOR |
Frei Xoán de Navarrete
foi un frade franciscano nacido a finais do século XV en Navarrete. Antes de
ser enviado a Galicia, exerceu como porteiro e xardineiro no convento de Santa
María de Jesús en Alcalá de Henares, onde coincidiu co arcebispo Alonso III
de Fonseca. Foi Fonseca quen, ao observar a súa vida santa e a súa
capacidade como predicador, lle ordenou misionar nas aldeas de Asturias e
Galicia durante os seus últimos tres anos de vida. Destacou especialmente como
un gran propagador da devoción eucarística, fundando confrarías e
dotando de obxectos de culto ás igrexas máis pobres.
O seu destino
definitivo foi o convento de San Francisco de Pontevedra. Á súa chegada, a
cidade sufría unha epidemia de peste; Frei Xoán prometeu dende o púlpito
de San Bartolomeu que a enfermidade cesaría e non volvería en corenta anos se
se fundaba unha confraría en memoria da Paixón de Cristo, promesa que se
considera cumprida. Entre outros feitos prodixiosos que se lle atribúen figuran
a curación da rabia e o mandato de silencio e expulsión das anduriñas que
ensuciaban os altares da igrexa.
| DEBUXO DO AUTOR |
En 1528, tras realizar unha prédica en
Portonovo onde anunciou a súa propia morte, sufriu unha caída dun asno no lugar
de Pedrouzos (Nantes) mentres regresaba a Pontevedra. Faleceu tres días despois
na casa dun labrador da zona. Os seus restos foron trasladados ao convento
de San Francisco de Pontevedra, onde se conservan hoxe en día. Malia non
estar canonizado oficialmente por Roma, o seu nome figura no martiroloxio da
Orde Franciscana e mantén unha forte devoción popular en Galicia.
| DEBUXO DA TALLA ANTIGA DO SANTO (Debuxo do autor) |
| CAPELA ADICADA AO FRADE NO LUGAR DE "O SANTO" (NANTES) |
Comentarios
Publicar un comentario