Un territorio que dialoga coa morte
aliza conta cun patrimonio cultural vasto e complexo, onde o tema da morte ocupa un lugar central. Non se trata só dos seus cemiterios mariñeiros, dos cruceiros nas encrucilladas ou das inscricións de lembranza que salpican o territorio: a morte está tamén presente nos mitos, lendas, tradicións, supersticións e festas que conforman o imaxinario colectivo. Este estudo pretende achegar unha visión global sobre a importancia da morte na cultura galega, analizando os ritos, crenzas e representacións que, dende a antigüidade, definen a relación do pobo galego co alén.
O ser humano, no seu longo camiño evolutivo, descubriu un feito que o mudou para sempre: a conciencia da morte. Saber que é finito e que, tarde ou cedo, o seu tempo rematará. Ningunha cultura quedou allea a esa certeza, mais poucas a interiorizaron con tanta naturalidade como a galega.
Un país suspendido entre dous mundos
O illamento xeográfico, a dispersión poboacional e o ritmo lento dunha sociedade agrícola fixeron que Galiza chegase tarde á modernidade. Mentres o resto de Europa se industrializaba e esquecía os vellos ritos, aquí as aldeas conservaron unha relación viva co sagrado e co misterioso.
Mais hoxe, no contexto dunha sociedade globalizada, os cambios son evidentes. A televisión, primeiro, e as redes sociais, despois, provocaron a erosión da tradición oral, desfigurando ese tecido simbólico que durante séculos uniu xeracións. Moitos ritos, que durante centos de anos definiron a nosa identidade, están a desaparecer. Só perviven, en boa medida, os ritos cristiáns, xa integrados no calendario relixioso.
Con todo, os antropólogos coinciden en sinalar que Galiza —xunto co antigo Exipto— é unha das culturas máis próximas á morte, tanto polo volume das súas crenzas como pola naturalidade coa que as integra na vida diaria. Para os romanos, esta era a terra do Finis Terrae, o lugar onde o sol se mergullaba no océano, onde morría a luz e comezaba o descoñecido. Non é estraño, pois, que o folclore galego posúa unha das tradicións mortuorias máis ricas de Europa.
Augurios, espíritos e ánimas errantes
As crenzas arredor dos augurios funestos e das ánimas que vagan pola noite son tan antigas como a propia humanidade. Xa os pobos indoeuropeos —antepasados culturais dos galegos— tiñan mitos semellantes. Mais tamén os romanos, que deixaron unha fonda pegada na nosa terra, influíron na imaxinación popular. Eran eles quen enterraban os seus mortos xunto ás vías e camiños, unha práctica que puido dar orixe ao concepto de “ánima errante”, destinada a transitar polos camiños que unen o mundo dos vivos co dos mortos.
Ata ben entrado o século XX, estas crenzas formaban parte da vida cotiá, especialmente no ámbito rural. As historias de aparicións, luces arredor das igrexas, sombras que anunciaban tempestades, ou a presenza do demo en forma visible, eran explicacións simbólicas do descoñecido. A imaxinación popular convertía o medo e o misterio en relato, e o relato en protección.
Fisterra: a fronteira entre mundos
Entre todos os recunchos de Galiza, a bisbarra de Fisterra ocupa un lugar privilexiado no imaxinario da morte. Terra de peregrinos e mar, alí onde o Atlántico devora o horizonte, as crenzas no máis alá sempre tiveron forza especial. Era costume recomendarlle aos moribundos que, cando chegasen ao “Xordán” —a metáfora cristiá do tránsito—, afirmasen ser cristiáns pola graza de Deus.
Esta fórmula ten claras resonancias da cultura clásica, onde se cría que a alma debía declararse “filla da Terra e do Ceo estrelado” para entrar no outro mundo.
Entre as persoas maiores tamén era habitual empregar eufemismos para falar da morte. Non se dicía que alguén morrera: “marchou”, “foise ao seu mundo” ou “vai chegando o tempo de durmir fóra” eran expresións cotiás, nas que o medo se substituía por respecto e aceptación.
Ritos que aínda perduran
Non fai falta chegar a Fisterra para atopar esas expresións. Aínda hoxe, en moitas aldeas, a morte segue a ser un tema rodeado de respecto e de silencio, un tabú que se aborda coa mesma mesura que se teme.
O Samaín, as misas de defuntos, as romarías e peregrinacións a santuarios considerados limiares entre dous mundos, son ritos que seguen vivos. Cada ano milleiros de persoas acoden a eles, sen pensar quizais que están participando nunha tradición que vén de antes do cristianismo.
A Santa Compaña: a procesión das ánimas
Entre todos os mitos galegos de ultratumba, ningún é tan universal nin tan temido como a Santa Compaña, tamén coñecida como estadea, estantigua, xans, rolda ou as da noite.
Trátase dunha procesión espectral de defuntos que percorre os camiños cando cae a noite. As ánimas en pena transitan en orde, portando luces, cirios ou candís. Ás veces son tres ou catro; noutras, ata trinta espectros avanzan en silenzo, envoltos en túnicas brancas ou negras, deixando no aire o cheiro da cera e a sensación de frío.
O cemiterio adoita ser o punto de partida e o final da comitiva, mais tamén fan alto na igrexa parroquial, onde se di que celebran a misa das ánimas. Á fronte pode ir o propio defunto recente —ou o “predefunto”, aquel cuxa morte é inminente—, levando unha cruz de madeira. Nalgúns casos é a propia Morte quen encabeza a marcha, co rostro de caveira e unha gadaña nas mans.
Así, a Santa Compaña é a procesión dos mortos que vén buscar o morto, un presaxio de falecemento. Quen a ve, ou quen escoita o seu paso, sabe que pronto alguén do lugar deixará este mundo. Non é raro que, segundo a tradición, se deteña fronte á casa do moribundo.
Cando se camiñaba de noite, a xente sabía que debía protexerse da Compaña. Levaban amuletos de allo ou pan negro, ou simplemente non miraban atrás se sentían a súa presenza. O máis eficaz, dicíase, era trazar un círculo na terra e permanecer dentro del ata que pasasen as ánimas. Saír dese círculo significaba risco de ser levado con elas, ou peor aínda, converterse no novo portador da cruz, obrigado a guiarlas ata atopar substituto.
Sexa realidade, ilusión ou símbolo, a crenza na Santa Compaña continúa viva. Forma parte da identidade galega, unha herdanza que atravesou séculos e xeracións. Escritores como Valle-Inclán, Torrente Ballester ou Álvaro Cunqueiro deixaron testemuña literaria deste mito, incorporándoo ao noso patrimonio espiritual.
Incluso existen variantes locais da lenda. No concello de Sanxenxo, na provincia de Pontevedra, cóntase que a procesión sae de Noalla e cruza o mar camiñando sobre as ondas ata chegar á illa de Ons. Alí percorre o camiño ata o cemiterio e o Burato do Inferno, punto simbólico de comunicación co máis alá.
Tamén se fala en diversas partes da Galiza dunha misa das ánimas celebrada pola noite nas igrexas parroquial, oficiada pola ánima dun antigo crego, á que acoden as ánimas dos defuntos da parroquia que penan no Purgatorio. Segundo a tradición, é preciso que un vivo estea presente, pois só así a misa ten validez. Aquel que entra sen sabelo pode quedar encerrado ata o amencer, testemuña dun rito que non pertence ao seu mundo.
A morte en Galiza non é unha presenza abstracta. É unha compañeira silenciosa, respectada e ritualizada, que serve de ponte entre xeracións e como expresión dunha profunda filosofía vital: a vida e a morte forman parte do mesmo ciclo. Por iso, os mitos como o da Santa Compaña non son só lendas: son metáforas da identidade galega, testemuñas dun tempo no que os vivos e os mortos compartían o mesmo camiño, baixo a luz tembrorosa das velas e o murmurio do vento entre as árbores.
GUILLERMO RODIÑO (2025)
Comentarios
Publicar un comentario