A mediados do século VIII, despois da caída do reino visigodo fronte aos exércitos islámicos, o norte da Península Ibérica converteuse nun mosaico de resistencias cristiás. Unha delas xurdiu en Asturias, arredor da corte establecida en Oviedo.
Pouco a pouco, ese poder estendeuse cara ao oeste, incorporando o que hoxe chamamos Galiza, así como O Bierzo e Sanabria. O resultado foi un reino que moitos libros simplifican como “reino de Asturias”, pero que sería máis correcto denominar reino astur-galaico-leonés: tres territorios con identidade propia baixo un mesmo monarca.
A integración de Galiza non foi só militar. Unha vez aceptada a autoridade do rei, xurdiu unha pregunta clave: como organizar estas terras, como administralas e como asegurar que xente e recursos quedasen baixo control?
A resposta inicial buscouse na paisaxe. Galiza era —e segue sendo— un territorio singular, delimitado por barreiras naturais: ao leste, cadeas montañosas que a separaban da Meseta; ao norte e oeste, o mar Cantábrico e o océano Atlántico.
No seu interior, montes e ríos entrecruzábanse creando vales fértiles. Estes vales convertéronse na unidade básica de vida e organización: cada un reunía aldeas, terras de cultivo, pastos e camiños, e era recoñecido tanto polos seus habitantes coma polos veciños doutros lugares.
Este mosaico natural funcionou como unha especie de plantilla xeográfica sobre a que se comezou a construír a primeira división administrativa da Galiza altomedieval: os territorios.
Entre os anos 750 e 1050 podemos identificar arredor de oitenta territorios na documentación medieval galega. Eran moito máis ca simples divisións: cada un representaba un espazo recoñecible e a comunidade humana que o habitaba.
A orixe dos nomes destes territorios axúdanos a comprender a mentalidade da época e podemos agrupalos en torno a:
-
Paisaxe natural: Monterroso (“monte vermello”), Riocaldo (“río quente”).
-
Memoria castrexa e romana: Bergantiños (do pobo dos Brigantinos), Triacastela (as “tres fortalezas” de pedra).
-
Cristianización e reorganización medieval: Seteigrexas (un territorio articulado arredor de sete parroquias), Guntín ou Celanova (“o novo mosteiro”).
-
Combinacións múltiples: Valdeorras, o “val dos Gigurros”, mestura de xeografía e identidade étnica.
Estes nomes non foron herdanzas automáticas do pasado nin unha copia exacta da paisaxe. Foron creacións novas, froito dunha sociedade que estaba a reinventar a súa forma de se organizar e de se pensar.
Mais a finais do século IX produciuse un cambio decisivo. Para a monarquía e as elites —nobres e Igrexa— non abondaba con recoñecer os vales naturais. O obxectivo pasou a ser controlar ás persoas e os seus recursos, e isto requiría unha rede administrativa diferente.
Naceu así a segunda fase da ordeación do territorio: a politización do espazo humanizado. Agora o que importaba non era tanto o río ou a serra, senón a comunidade de homes e mulleres que traballaban esas terras e pagaban rendas ou impostos.
A unidade central desta nova rede foi o comitatus, ou condado. Tratábase dun conxunto de terras e persoas gobernadas por un conde. A palabra non é casual: procede de comes, que en latín significa “compañeiro”. O conde era o “compañeiro do rei”, a súa man directa no territorio.
As súas competencias eran amplas: militares (defender o territorio e acudir ás campañas do rei), xudiciais (impartir xustiza), fiscais (cobrar tributos) e administrativas (garantir a orde). En resumo: era a encarnación local do poder monárquico.
Non todos os condados eran iguais. Algunhas fontes falan de comitatus, outras de commissus ou mandationem, termos que expresaban diferentes graos de autoridade. Pero, na práctica, todos cumprían a mesma función: asegurar que ningunha terra nin persoa quedase fóra da rede do poder.
Aínda que este novo sistema parecía romper co anterior, en realidade apoiábase sobre os vellos territorios. En arredor do 70% dos casos, os límites dos condados coincidían cos das antigas comarcas, e en máis da metade a identificación entre comarca natural e comarca política era case total.
O mapa galego, polo tanto, foi un diálogo entre dous mundos: a paisaxe e a sociedade. Os vales e montes puxeron os marcos, pero foron os reis, os condes e a Igrexa quen decidiron como se repartía e administraba o poder.
Bibliografía
-
BALIÑAS PÉREZ, Carlos (1992): Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX).
-
BALIÑAS PÉREZ, Carlos (2006): “Terra, tempo e xente: as orixes altomedievais da comarcalización de Galicia”.
BALIÑAS PÉREZ, Carlos (2014): El territorium saliniense y los orígenes altomedievales de la comarca de Arousa.
Comentarios
Publicar un comentario